26/02/11

Sciadopitys verticillata

Sciadopitys verticillata do arboreto do viveiro de Areas
Visita formativa do 27/02/2008
detalle acículas
O Viveiro de Areas (Tui), o máis antiguo de Galicia (do 1906), ten un arboreto interesante. Nel atópase esta rareza: Sciadopitys verticillata.  É un exemplar de gran porte e beleza único en Galicia (non está incluido no catálogo de árbores senlleiras).
- Nome científico: Sciadopitys verticillata (Thunb.) Siebold & Zucc.
- Nome común: Piñeiro parasol.
- Familia: Taxodiaceae.
- Orixe: Xapón.
- Árbore perennifolia que pode acadar 35 m de altura.
- Copa piramidal e ramificación extendida e ascendente na parte alta da árbore.
- Ten un crecemento moi lento.
- Especie de grande valor ornamental, normalmente de colección.
- En Xapón plántase arredor dos templos.
- De forma natural medra en altitudes comprendidas entre 600-1100 m.
- Non soporta a seca estival nin os chans calizos.
- Sementeira: Estratificación en quente a 20°C (3 meses) seguida dunha estratificación en frío a 4 °C (3 meses).

24/02/11

A nova aldea

Froito deste primeiro ano como propagadores cuasi-ecolóxicos, do edu-emprende, das xornadas de cooperativismo...e da miña dispersión habitual (non necesariamente por esta orde); fálovos a miudo de temas transversais.

Pois mixturando: produción ecolóxica, emprendedores, cooperativismo e medio rural, aproveito para convidarvos a ver o documental A nova aldea  onde se amosan proxectos vinculados ao sector agrario, respectuosos co medio e localizados no rural, de aí o título. O noso rural precisa destas iniciativas, ou doutras, pero algo se ten que mover se non queremos que desapareza.

23/02/11

Agricultura ecolóxica

Estes días estivemos falando da agricultura ecolóxica. Como xa sabedes este xeito de produción está totalmente regulado e controlado.
O marco legal básico é o Regulamento CE (Consello europeo) Nº834/2007 sobre  producción i etiquetaxe de productos ecolóxicos, vixente dente o 2009 (sustitúe ao do 91). A este regulamento foronselle engadindo: Anexos,  Regulamentos da Comisión, etc...para coñecer a lexislación vixente da UE consultade a seguinte páxina da web ec.europa.eu

Antiguo e actual logotipo de certificación dos productos ecolóxicos na UE
Un principio fundamental na agricultura ecolóxica é o uso de sementes producidas tamén de xeito ecolóxico. Os estados membros manteñen unha base de datos web ca finalidade de facilitar a adquisición destas sementes. Os proveedores poden incluir nesta listaxe as sementes e patacas de sementeira de orixe ecolóxica dispoñibles. Base de datos sementes ecolóxicas.
 
Por outro lado temos os organismos de control, en Galicia é o CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia). Na páxina web do Craega podemos atopar, entre outras cousas, a Normativa autonómica e as distintas Normas técnicas de produción ecolóxica.
Logotipo do CRAEGA (os demais consellos reguladores rexionais teñen o mesmo debuxo, cambia so o nome).

15/02/11

Plantas racionais?

Por si alguén se perdeu o programa de Punset, que visualizamos na clase de Alberto, aquí tedes o enlace para poder velo. Foi emitido no programa REDES e titúlase "Las raíces de la inteligencia de las plantas". Propón que as plantas teñen capacidade de resolver problemas "de forma intelixente". Moi interesante para reflexionar. http://www.rtve.es/television/20101227/redes-raices-inteligencia-plantas/390278.shtml.

micorrizacion de trufa

Aquí podedes ver técnicas de produción da trufa negra en Aragón, mediante a micorrización con enciñas producidas en viveiro. Trátase dunha pequena reportaxe incluído no programa de TVE "Agrosfera", emitido o sábado 12/02/11. Atoparédelo entre o minuto 28:45 e o 32:35.
Tamén neste programa temos un exemplo de venta directa ao consumidor, de produtos ecolóxicos de horta, en Córdoba. http://www.rtve.es/alacarta/search.html?q=agrosfera#1015441

AVISO

Propagadores/as, por si non o sabedes xá, mañá día 16, mamá Consellería suspende tódalas actividades ao aire libre por temporal. Trocamos o malo será! por outra vez será!
Vivamos coma galegos.
O Bichero de Luis Davila
http://obichero.blogspot.com/


Acodo baixo en Castiñeiro

Un dos métodos de reproducción vexetativa é o ACODADO (*). Dentro destes o acodo de cepa (tamén chamado de caballón ou de "corte e recalce") é o máis empregado nos viveiros. De feito esta técnica constitue o xeito tradicional de reproducción dos Castiñeiros hibridos en viveiro.
Un dos viveiros autorizados a producir este material MFR é o viveiro Centro Forestal Rías Baixas, en Vilaboa (Po).

Albúm fotos da visita formativa do 12-12-09.


Na seguinte enlace podedes atopar un video sobre a producción de castiñeiros híbridos, cunha entrevista a Inmaculada López de viveiros O Rego e presidenta de VIFOGA.
O Agro. Castiñeiros hibridos nos viveiros galegos.

*bacelo ou barbado: planta obtida por acodo
*porbaixa: burato ou gabia que se fai para realizar un acodo:

Hifas da Terra

Mañá imos visitar esta empresa, así que si queredes ir documentandoos:
Reportaxe do programa Labranza (22/11/09) sobre Hifas da Terra: empresa de biotecnoloxí­a aplicada a micoloxí­a que nace 1999 da man de Catalina Fernández. Este proxecto iniciouse como unha empresa de producción de cogumelos ecolóxicos e kits de producción. Pero pouco a pouco extendeu a súa actividade a todo o relacionado co mundo dos cogumelos e a micorrización forestal.
Dentro destas actividades está incluida a producción de planta forestal micorrizada. O producto estrela do viveiro son unha selección propia de híbridos de castiñeiro resistentes a tinta e micorrizados con Boletus edulis.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


http://www.hifasdaterra.com/

14/02/11

Froiteiras autóctonas

Fai algúns días preguntabádesme onde conseguir froiteiras autóctonas. Un viveiro especializado é Viveiros O Pomariño (A Capela), pioneiro na produción de froiteiras autóctonas. O seu xerente Ramiro Martínez desenvolve dende 1999 un traballo de recuperación e propagación de variedades autóctonas, incluído o castiñeiro, moitas delas case desaparecidas. Tamén colabora en cursos e xornadas frutícolas sobre todo no que respecta ao tema da enxertía. En 2008 entra a formar parte como socio fundador da Asociación Galega da froita autóctona do Eume (AGFA do Eume), da cal Ramiro é vicepresidente. Esta asociación desenvolve un intenso labor de recuperación e promoción da nosa froita a través da realización de festas de exaltación, e a posta en marcha de varios campos de ensaio e demostración así como a creación de un Campo de Conservación de variedades da comarca Eume-Ferrol-Ortegal en colaboración co Concello de San Sadurniño, no cal xa están plantadas 120 variedades de froiteiras.

Ver Catálogo de Maceiras Autóctonas.

13/02/11

Enxerto de coroa

Neste video podemos ver todo o proceso da realización do Enxerto de Coroa executado polo viveirista Xosé Sanchez (de Orvisa House). O enxerto realízase sobre Catalpa bignonioides enxertando unha variedade de xChitalpa tashkentensis (*).
Neste enxerto alto a Chitalpa aporta unha copa máis pequena e menos frondosa cunha catalpa (a Chitalpa ten as follas máis pequenas e lanceoladas), pero de maior rixidez (as ponlas), pero a característica máis salientable é a súa abundante e longa floración de cor rosa ou branca azulada (moi reflorecente). Por outra banda o portaenxerto, a Catalpa, de maior vigor, préstase máis a facer un tronco dereito e de bo calibre en menos tempo.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

(*) A Chitalpa é un híbrido entre especies de xéneros diferentes (lembrade: por iso o "x" antes do nome xenérico; se o híbrido é entre especies do mesmo xénero o x vai diante do nome específico). É un híbrido entre Chilopsis linearis, nativa do suroeste de Estados Unidos e Norte de México, e Catalpa bignonioides, nativa do sureste de Estados Unidos. Este híbrido obtívose por vez primeira no xardín botánico de Tashkent, capital de Uzbekistan, de aí o seu nome xChitalpa tashkentensis.
É un arbusto ou pequena árbore caducifolia. Como é característico da hibidación cada proxenitor aporta as súas cualidades: Catalpa aporta resistencia ao frío e Chilopsis aporta resistencia ao calor e a seca.